Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

A asociación Álvaro das Casas: algo da súa historia

     O día 8 de marzo de 1950 morreu en Barcelona don Álvaro DE LAS CASAS BLANCO.

    Cincuenta e dous anos despois, Xosé González Martínez ("argallante maior do reino") empezou a darlle voltas á idea de arrincar do sartego gris do esquecemento colectivo a aquel home do que case ninguén sabía.

     don Álvaro casara cunha Ulloa e vivira parte da súa vida en Esposende, nun dos pazos dos Ulloa, ou, mellor dito, casa grande dos Ulloa, pois no Ribeiro a unha casa tipo pazo chámaselle "casa grande". Alí, Xosé González topou un rapaz novo, chamado Cándido, que é o dono actual do pazo.

     A Cándido pareceulle ben a idea de poñer gratuitamente o seu pazo a disposición da xente que alí se quixese xuntar para recuperar a figura e as ideas de don Álvaro, e para facer algo por Galicia e polas bisbarras do Ribeiro e do Arenteiro.

     Xosé González xuntou de aquí e de alá un grupo de amigos. Empezaron a reunirse para darlle forma e corpo a aquela idea.

     Unha das xuntanzas tivo lugar o 7 de febreiro de 2003. Nela acordouse constituír a asociación Álvaro das Casas, nomear a xunta directiva da mesma, nomear presidente a Avelino Muleiro e convocar un acto solemne no pazo dos Ulloa de Esposende para o día 8 de marzo de 2003, o día en que se cumprían 53 anos do falecemento de don Álvaro.

     O acto do 8 de marzo de 2003 foi todo un éxito. O sol saiu con gañas e reinou con cariño e autoridade no ceo de Esposende e de Galicia enteira. Asistíu un montón de xente. O salón do pazo estaba cheo. Houbo discursos, emoción, ledicia, música.... Foi un día inolvidable. Aquí pódese ler o discurso que pronunciou ese día o presidente da asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro.

     Despois empezou o traballo. Xuntanzas no pazo de Esposende para ir sementando ideas... que agromaron en proxectos... e que medraron... chegando a convertirse en realidades e feitos.

     Pasou o verán e no mes de outubro empezaron a recollerse os froitos:

     -O 8 de outubro do 2003 empezou un Curso sobre o Viño. Este curso desenvolveuse seguindo o programa previsto e rematou con éxito.

     -Os días 16, 17 e 18 de outubro de 2003 tivo lugar un curso sobre Álvaro das Casas e os seus temas: Mocidade, escea, galeguismo, ecoloxía. Este curso estivo organizado pola asociación Álvaro das Casas, en colaboración co vicerrectorado de planificación e desenvolvemento do Campus de Ourense e coa facultade de Ciencias da Educación. Contou coa colaboración da excma. Deputación de Ourense e de varios concellos da bisbarra. Tivo unha duración de 30 horas. Asistiron ó redor de 60 persoas.

     O curso sobre Álvaro das Casas e os seus temas foi todo un éxito. As persoas que nel interviron pódense ver no programa. Ademáis de aprender moitas cousas, tamén houbo momentos nos que se xuntaron a aprendizaxe co lecer, como por exemplo na proxección en Allaríz da película "A lingoa das bolboretas" e na mesa redonda que a seguíu, con intervención de Miguel Anxo Fernandez, José Luis Cuerda e Uxía Blanco. (Por certo, que Uxía leva de primeiro o mesmo apelido que levou don Álvaro de segundo: Blanco). Tamén houbo momentos de inesquecible lecer na visita guiada a Ridimoas. Aquí pódense ver algunhas fotos do curso.

 

     O día 31 de outubro de 2003 tivo lugar en Esposende unha importante xuntanza da directiva da asociación Álvaro das Casas. Nela fíxose unha valoración moi positiva do curso sobre Álvaro das Casas, facendo constar expresamente o agradecemento a Xosé Manuel Cid pola perfecta organización do curso, e tamén o agradecemento á Universidade polo seu eficaz apoio e o agradecemento ós concellos e a todas as persoas que dun xeito ou doutro colaboraron para que o curso resultase todo un éxito.

     E afondouse en novos poxectos, como o da organización da recuperación da memoria histórica do Ribeiro, e o de buscar un xeito de conmemorar a constitución da asociación de colleiteiros do Ribeiro, da que fora presidente don Álvaro.

     Despois de varias horas de traballo intenso houbo tamén uns intres de lecer: lume, castañas, chourizos, viño, empanada, augardente e licor café... A verdade é que Cándido preparounos un bó magosto.

 

     No ano 2004 seguimos tendo reunións para seguir adiante cuns proxectos e para dar vida a outros novos. Seguimos traballando arreo para facer algo positivo para Galicia, o Ribeiro, o Arenteiro...

     E a cousa seguiu nos anos seguintes. A modo de exemplo podemos recordar estas cousas:

- No ano 2004 organizamos os maios de Leiro e os premios Bacelos de Prata.

- Carta remitida pola Asociación Álvaro das casas co gallo do día das letras galegas 2004.

- O dia 3 de xullo de 2004, xuntanza en Esposende para dar a coñecer o MANIFESTO DOS CEN asinado por importantes persoeiros a prol da etiquetaxe en galego do viño de Galicia. Coa presencia de: -a URE (cinco membros da Unión de Radioafeccionados Españois-sección Rías Baixas) cos seus equipos de transmisións e antenas; -unha representación nutrida de adegueiros que xa etiquetan en galego, cunha mostra dos envases; - E unha representación DOS CEN.

     Campaña promovida pola Asociación Álvaro das Casas, a Fundación Premios da Crítica de Galicia e a Dirección Xeral de Política Lingüística.

- O venres 28 de xaneiro de 2005, nova reunión da xunta directiva da Asociación Álvaro das Casas en Esposende, para programar as actividades da asociación para este ano 2005. Fotos aquí. A orde do día foi longa. As actividades previstas para o 2005 son moitas.

- O sábado 7 de maio de 2005, acto de entrega dos premios Bacelo no pazo de Esposende.

- O domingo 8 de maio de 2005: maios en Leiro.

- Curso de verán en setembro 2005: A Sociedade Rural. Fotos de Vilar de Santos.   Outras fotos do curso.

CEN IDEAS PARA MELLORAR O SECTOR RURAL EN GALICIA (expostas polos alumnos do curso sobre A Sociedade Rural: un mundo en transformación)

Convivio 2005 en Portugal.

- 2 de decembro de 2005, ás 19:30, no edificio SIMEON, en Ourense, presentación do libro sobre o viño.

- 03-03-2006: Xuntanza en Esposende. Falamos, entre outras cousas, da preparación da III EDICIÓN PREMIOS BACELO DE PRATA, da organización dos maios deste ano 2006 no concello de Leiro, de facer no Carballiño unha nova presentación do libro "Conversas no Ribeiro", da participación na organización dunha viaxe para rememorar a que fixeran os Ultreia pola costa galega. Vese que a actividade da asociación se vai consolidando ano tras ano.

Fotos da xuntanza do día 3-3-2005

-Maios de Leiro 2006.

- 07-04-2006: A Asociación Alvaro das Casas presenta na Casa da Cultura do Carballiño o libro: "CONVERSAS NO RIBEIRO-ENCONTROS COA TRADICIÓN-O VIÑO", que vai acompañado dun CD no que se recollen as voces de xente maior que fala de cómo era o cultivo e a cultura do viño fai cerca de cen anos.

Logo viñeron os maios de Leiro 2006, os Bacelos de Prata 2006, a expedición ULTREIA 2006, os Maios e os Bacelos do 2007 e do 2008. E moitas outras cousas máis.

     E, de momento, paramos aquí. Pero a asociación segue camiñando e aínda nos agardan moitos momentos de ledicia. Xa vos iremos contando...

HISTORIA E OUTRAS COUSAS FEITAS POLA ASOCIACION

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas