Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

INICIO
Presentación
Historia
Feitos
Bacelos
Maios
Encontros
Curso viño
Curso mocidade
De cine
Fotos
Prensa
Ridimoas
Lingua
Don Alvaro
Frases
Pazo dos Ulloa (turismo rural)

DISCURSO 8 DE MAIO DE 2004 EN ESPOSENDE

Ilmo. Sr. Presidente da Mancomunidade do Ribeiro.
Ilmo. Sr. Vicerrector do Campus de Ourense.
Ilmas. autoridades.
Señoras e señores:

     Cumpriuse o primeiro aniversario hai escasos dias do nacemento da asociación Álvaro das Casas, un ano durante o que a efervescencia cultural e os proxectos dinamizadores desenvolvidos nesta comarca do Ribeiro fulminaron as expectativas máis optimistas dos propios promotores e asociados. Entre as actividades desenvolvidas durante este primeiro ano de idade da asociación quero suliñar as seguintes:

     Un curso sobre a figura de Álvaro das Casas, en colaboración co Vicerrectorado de planificación do campus de Ourense e coa Facultade de Ciencias da educación -con máis de corenta universitarios matriculados--, titulado: Álvaro das Casas e os seus temas: mocidade, escena, galeguismo e ecoloxía.

     Un curso sobre o viño titulado: Cultura, técnica e comercialización do viño, de tres centas horas de duración e homologado pola Xunta de Galicia.

     Encontros coa tradición, nos que participou unha ampla representación de persoas maiores das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, que reviviron neste pazo dos Ulloa as súas lembranzas máis entrañables e as vivencias máis decisivas das súas vidas. Estes relatos serán editados proximamente nun CD. A recuperación dos maios nos concellos de Leiro e de Ribadavia, unha actividade que terá o seu momento álxido mañá en Leiro, onde se van reunir os grupos participantes dos dous concellos e onde se fallarán os premios.

     E por último, os primeiros premios Bacelo de prata, cos que se pretende distinguir a adegueiros e colleiteiros do Ribeiro pola súa traxectoria socialmente recoñecida, tanto na calidade dos seus viños coma na etiquetaxe das súas marcas, nas que está presente a nosa lingua. A creación destes premios coincide coas inquedanzas de Álvaro das Casas quen, a través do manifesto UCRA, redactado por el mesmo no ano 36 e do que hoxe lles entregamos unha reproducción excelentemente comentada polo profesor Luís Dominguez, reivindicaba "o valor do viño do Ribeiro, do que -dicía el-- depende o noso benestar".

     Queridas amigas e amigos: A asociación Álvaro das Casas pretende seguir con este tipo de actividades nos vindeiros anos, incrementando o seu número, se fose posible, e perfeccionando as estratexias da súa execución, sen perder nunca a búsola de referencia de Álvaro das Casas. Instalámonos hai un ano nesta asociación cun obxectivo moi claro: recuperar a tradición cultural
deste marabilloso recanto de Galicia e dala a coñecer ó resto do mundo, incorporando, en reciprocidade, o que este poida ofrecernos. Procuramos harmonizar a homeostase interna dunha vida acazapada e tremelicosamente escondida co equilibrio sociolóxico dunha mundanización procaz imparable; pero tampouco queremos caer na homoxeneización cultural, porque sabemos que todo o que nos humaniza, arrancándonos á natureza común, é precisamente aquilo que nos inscribe nunha particularidade simbólica cultural que impide a universalidade da nosa condición de galegos.

     Un dos trazos que diferencian radicalmente á sociedade humana das chamadas sociedades animais é a cultura. Mediante ela as persoas levantámonos sobre o plano natural e biolóxico. A cultura é producida e transmitida socialmente, adquírindose mediante un proceso de aprendizaxe que ten lugar na sociedade.

     Dado que todos os pobos defenden o seu propio modo de vida, é doado entender que unha maneira pola que as culturas se enriquecen e se fan máis complexas é mediante a elaboración e multiplicación das súas formas de ver o mundo. Pero hai que dalas a coñecer, trasmitilas e practicalas; nisto consiste a socialización. Esta - escribe Salvador Giner- "é o proceso mediante o cal o individuo é absorbido pola cultura da súa sociedade.

     Fundamentalmente a socialización é unha aprendizaxe; na súa virtude o individuo aprende a adaptarse ós seus grupos, ás súas normas, imaxes e valores. Como proceso é permanente, pois dura toda a vida e é perenne na sociedade". Os antropólogos sinalan que a cultura non é un luxo, senón algo necesario para a propia supervivencia do individuo e da sociedade. E desde a nosa asociación queremos demostrar esta tese. Lonxe de nós, sen embargo, esa innata tendencia á autosatisfacción que nos leve a crer -ou querer crer-que os nosos puntos de vista e as nosas formas de dinamizar a cultura representan a suprema síntese de todas as experiencias e todos os valores. Non nos pretendemos converter no Hamlet que dicía: "¡O mundo está desquiciado! ¡Vaia faena, nacer eu para ter que arranxalo!".

      O mundo fíxose ós nosos ollos máis complexo e vasto e a nós tocounos vivir un presente cultural que non se caracteriza precisamente por ser un tempo de éticas en diálogo, senón un tempo de éticas en conflicto. Esta conflictividade instáurase non só nun modelo de intolerenacia nos debates sobre os modelos da racionalidade, senón tamén na idea dunha "exclusividade inconmensurable" entre imperativos de valores traxicamente incompatibles, aínda que en si mesmos sexan racionalmente coherentes. Caeron os muros externos visibles e os contrafortes estratéxicos, pero érguense muros interiores, as paredes invisibles sobre as que reaparecen as incómodas pantasmas de hostilidades que se arrastran desde as orixes da historia disfrazadas de odios étnicos. Partindo da evidencia da heteroxeneidade ético-cultural dos cidadáns, é preciso flexibilizar a esfera pública para convertela en máis acolledora e aberta ós distintos grupos sociais. Cómpre un talante de diálogo por parte de todos. ¿Non é no diálogo, nesa razón persuasiva na que desde sempre destacou o Occidente, e que xa Sófocles atribuía a Ulises, como a forma máis refinada e sutil en contraposición ás estratexias da violencia? Hoxe inaugárase o Forum Barcelona 2004, onde o diálogo destaca ostensiblemente sobre calquera outro concepto ata o punto de se converter no seu lema mediático.

     Estamos, xa que logo, fronte a un gran dilema; un dilema que se nos presenta baixo dúas visións enfrontadas entre si respecto ó momento que vivimos: a) a visión dunha homoxeinización universal, coa conseguinte "fin da historia", que está asinada polo "pensamento único", e que se caracteriza polo individualismo posesivo dunha omnívora e indiferenciada economía de mercado; b) a visión que, pola contra, enfatiza as diversidades, os empurróns centrífugos e os procesos de diferenciacións. ¿Como saír do dilema?

      O fenómeno da globalización, da man das modernas técnicas, da crecente interdependencia e uniformidade das diversas áreas xeoculturais do planeta, dos imperativos da competitividade e da innovación impostos polo mercado mundial, inducen por reacción á aparición de novos fenómenos de carácter local. Deste modo, desterritorialización e reterritorialización engárzanse nun mesmo vector. Sentíndonos de volta de moitas cousas, estamos sen embargo confusos e desorientados na mundialización, e sacúdenos a urxencia e a obriga de emprender proxectos comúns que dean sentido ó presente e orienten o futuro de Galicia. Cando as crenzas fraquean, quedan alomenos as ideas e as actitudes do compromiso.

     Parto da convicción de que Galicia posúe unha cultura moi ampla e diversa, rica e polimorfa. Esa cultura danos unha perspectiva singular de ver o mundo, e serve de elemento cohesivo dos galegos. Transcende a espacialidade xeográfica chegando a aniñar en calquera país do planeta. "Hai sitios lonxanos - escribía Florentino Cuevillas, en Prosas galegas-- onde Galicia está en pé nos corazóns dos seus fillos, onde se percibe a preocupación polos seus problemas e cultura; mais noutros, en troques, os galegos perden o desexo de conservar a súa personalidade e a súa ialma, deixan que se eslía no ambente que os arrodea e creban os vencellos todos que o xunguían á terra natal". Como expresa Cuevillas, non todos os galegos se identifican coa súa cultura pois sempre hai algúns que nun determinado momento creban os seus vencellos coa terra. Non hai dúbida de que iso adoita acontecer cando os sentimentos se corrompen; e corrómpense na maioría dos casos porque non nos deixamos afectar polo que vale a pena. A xente só descobre o valor do que tivo no mesmo instante en que empeza a perdelo.

     Crer nas potencialidades de Galicia e nos valores da súa cultura son axiomas indiscutibles para a maioría dos galegos. A partir destes enunciados, o porvir de Galicia parece ilusionante. "É moi duro o só intento de trazar liñas fronteirizas no dominio do espírito fluente da Galicia sustantiva, afincada no centro dun devir propio -escribiu Ramón Otero Pedrayo, no seu Ensaio histórico sobre a cultura galega--. Unha gran enerxía traballa dispersa abrochando aquí e alá en froitos magníficos ou en fracasadas floracións, tamén índices de vida e de esperanza".

      Eu non pretendo reclamar hoxe desde aquí un modelo cultural de Galicia centrípeto e retroalimentado constantemente en si mesmo nese proceso cíclico de eterno retorno, onde a fantasía soe caer nesas vaguedades precursoras do descanso; pero tampouco reivindico un modelo de cultura centrifugada, condenada a perder as súas sinais identitarias. O atávico imaxinario galego do romanticismo ten pouco que ver coa idea de progreso, de modernidade e de globalización. A estética dunha Galicia anacrónica, eternamente enquistada nos laios da impotencia e nas mágoas da desesperación, debe borrarse canto antes. Hai que desterrar os tópicos metafóricos literarios e tratar de saber, como facía Venancio, personaxe que aparece no libro de Umberto Eco O nome da rosa, "se as metáforas, os xogos de palabras e os enigmas, que os poetas parecen imaxinar só para se deleitar, poden incitar a unha reflexión distinta e sorprendente sobre as cousas."

     Prefiro para Galicia o modelo de Adrían Solovio, personaxe central da novela de R. Otero Pedrayo: Arredor de si: "Por Galicia e na Galicia era Adrían Solovio europeo e planetario. Xa podía dirixir as súas frechas a un fito. E foi sentindo a historia vivente de Galicia e puido meditar a súa proxección no porvir. A súa vida dende agora identifícase coa vida de Galicia; xa non é unha novela, nin experiencia psicolóxica. Xa é historia. Pois a Galicia tamén comeza a ser outra desque deprendeu os camiños para atopar a súa conciencia e deixou de andar, como unha cega, arredor de si".

     Esa ten que ser a idea da Galicia moderna na que queremos vivir, desa Galicia competitiva, sen complexos e de progreso. A Galicia da "Cooperativa do Ribeiro", a Galicia de Luis Anxo Rodriguez Vázquez e a Galicia de tantos miles de galegos e galegas -viticultores, mariñeiros, gandeiros, empresarios, investigadores, políticos, intelectuais, educadores.-- que hoxe se ven representados nos primeiros premiados co bacelo de prata. Esa é a idea de Galicia pola que estamos traballando desde a asociación Álvaro das Casas.

Moitas gracias a todos por acompañarnos neste acto e enhoraboa ós premiados.


Esposende, 8 de maio de 2004.
Avelino Muleiro García

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas