Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

INICIO
Presentación
Historia
Feitos
Bacelos
Maios
Encontros
Curso viño
Curso mocidade
De cine
Fotos
Prensa
Ridimoas
Lingua
Don Alvaro
Frases
Pazo dos Ulloa (turismo rural)

Señor Presidente da Excma. Deputación de Ourense.
Ilustres autoridades.
Benqueridas amigas e amigos.

     Fieis ó noso compromiso de espallar o pensamento de Álvaro das Casas e dispostos a desenvolver o máis ambicioso abano de actividades que sirvan de canle para levar a cabo ese compromiso, a Asociación que presido, e que recibe o seu nome do eximio polígrafo que morou nesta casa onde nos atopamos, convocou no dia de hoxe ós seus membros e a un amplo abano de representantes da sociedade galega para facer entrega dos segundos bacelos de prata a dúas empresas galegas do viño que, ó entender do xurado que fallou os premios, son dignas merecedoras desta distinción.
Para celebrar este evento de exaltación vitivinícola entregámoslles a todos vostedes un pequeno agasallo, un obsequio que simboliza a relación entre a cultura do viño e a cultura literaria: un facsímile de dous monólogos do Teatro para nenos de Álvaro das Casas que foron publicados nos anos 1930 e 1933. É a terceira publicación que realiza a Asociación, despois das anteriores edicións de Verbas aos mozos galegos, no ano 2003, e do Manifesto Ucra, no ano 2004.
     Os tres anos de existencia da nosa Asociación penso que non pasaron inadvertidos á sociedade galega en xeral e a estas comarcas do Riberiro e do Carballiño en especial. Son moitos os actos culturais que levamos feito neste tempo. Os encontros que mobilizaron a gran número de persoas que acudiron ós nosos reclamos, case sempre suxerentes, lúdicos e atractivos foron constantes. As nosas iniciativas seguen sendo cualificadas como seductoras e creativas ó criterio de moitos observadores e sociólogos. A recuperación dos “maios” no Ribeiro; o curso do viño, cun total de 300 horas de duración; a gravación das historias dos nosos maiores dentro do proxecto denominado “Encontros coa historia” --e que serán editadas proximamente en CD coicidindo co tempo da próxima vendima-; o curso universitario sobre Alvaro Das Casas e os seus temas: Mocidade, escea, galeguismo e ecoloxía; a presentación da obra Sulco e Vento de Álvaro das Casas; a creación dos premios Bacelos de prata. Estas son algunhas das pegadas que deixa a nosa Asociación para os anais da historia deste país.
     E pretendemos seguir adiante movéndonos dentro dos mesmos parámetros porque aínda nos quedan azos para dar cabida á fantasía nos nosos rozos coa realidade convencidos coma don Quixote de que “cada un é artífice da súa aventura”. Cremos que cando a un país se lle seca a fantasía para crear o seu propio programa vital e cultural está perdido. Os que formamos parte desta Asociación temos a convición de que merece a pena traballar por esta terra, rebelándonos contra a idea dun destino tráxico no que a pretenden mergullar os que viven co complexo da incapacidade para atopar a súa propia forma de vida. Sentímonos orgullosos de pertencer a este país e cando a autoestima é tan grande opoñémonos a ser derrotados. Aínda sendo previsores de que ás veces a ilusión é traicioneira e nos pode envolver nunha sutil fascinación converténdose posteriormente en pesadelo, non estamos dispostos a permitir que o tempo que decorre ben a presa poña trampas nas nosas xenerosas esperanzas. Cada un é responsable certamente de cómo camiña na vida e do seu compromiso coa sociedade. Traballar a prol dunha sociedade máis xusta, máis culta e máis solidaria é unha determinación que toman as persoas individual e colectivamente. Inhibirse deste compromiso cos demais cando un é consciente de ter capacidade de facelo, eticamente resulta incluso reprobable. Proclamo en nome propio e en nome dos membros desta Asociación que non nos atemoriza o reto que temos diante nós, porque o medo á responsabilidade só provén da falta de confianza en si mesmo. Cervantes insinúanolo nese prodixio de libro do que celebramos o cuarto centenario, O Quixote.
“¿Qué hemos de hacer ahora? –replicó Sancho.
¿Qué? –respondió don Quijote. Santiguarnos y levar ferro; quiero decir, embarcarnos y cortar amarra con que este barco está amarrado”.

     Amigas e amigos: Vivimos tempos de cambios nas ideas e nas formas, cambios profundos para as persoas e para as sociedades subidas á garupa da globalización. Filósofos e sociólogos proclaman urbi e orbi que a modernidade foi revezada pola posmodernidade, por unha neófita etapa histórica revestida dun quebradizo e fráxil pensamento débil. Sen embargo, esta posmodernidade atéigao todo. E non precisamente baixo un enfoque racional e baixo unha perspectiva de enganche histórico. A posmodernidade é deconstructivista e nega os grandes relatos da modernidade ilustrada, entre os que despuntan a lexitimidade da ciencia na súa capacidade emancipadora, a creación de riqueza ou a revolución dos traballadores. Adeus ó coñecemento como se interpretaba no pasado; benvidos os discursos dúctiles e circulantes. A moralidade é unha mentira, a verdade unha fición. A posmodernidade, pois, está relacionada cunha serie de supostos cambios sociais, cun novo tipo de sociedade, cuxos contornos se poden percibir aínda que sexa vagamente, e, en definitiva, coa inauguración dunha nova fase de capitalismo ou neoliberalismo. Neste novo contexto social xogan un papel relevante tanto as novas tecnoloxías da información e da comunicación -responsables dos procesos de globalización- como o consumismo, que está eclipsando a convencional posición da produción. As consecuencias da globalización cegaron a Galicia, para ben e para mal.
     As noticias sobre a desaforada deslocalización das empresas ubicadas en Galicia é consecuencia directa dos novos tempos que corren. A provincia de Ourense está sufrindo na súa propia carne as dolorosas consecuencias deste trauma deslocalizador. Empresas do textil, do automóbil, da siderurxia, do xoguete, da imprenta…están desertizando o tecido empresarial galego. Miles de mulleres e de homes están condenados irremediablemente ó paro; incalculable número de galegas e galegos veranse obrigados a imitar a aquelas xeracións anteriores que colleron o camiño da emigración. De novo, ese enorme trauma pende sobre Galicia! Inmensa e desoladora mágoa se nos toca vivir un segundo desa traxedia!
      Un dos grandes pensadores vivos que nos quedan, Mario Bunge, di que hai globalización dos mercados, pero case todas as barreiras internacionais ó tránsito de persoas segue en pé. O único que atravesa libremente as fronteiras son o capital financeiro, os malos costumes e os xermes patóxenos. A globalización do demais é ilusoria, alomenos polo momento. E tampouco está comprobado que a globalización económica favoreza o desenvolvemento económico das nacións non desenvolvidas. O único que sabemos con certeza, di Mario Bunge, é que, na maioría dos casos, está destruíndo as industrias domésticas, aumentando a desigualdade de ingresos e erosionando as identidades culturais. Conclusión: quen non defende os seus propios productos nin se defende dos malos importados, non atenta contra a liberdade senón contra os seus propios intereses. Non ten a mente aberta senón a cabeza oca.
     Por iso Galicia non se pode render ante as dificultades propias da mundialización económica e será capaz de facerlle fronte ós problemas deste mundo globalizado e posmoderno. A mostra témola hoxe aquí, onde dúas empresas vitivinícolas galegas foron distinguidas polo seu bo quefacer ó redor do viño. Pero elas son tan só un símbolo, un exponente dun amplo abano de adegas, colleiteiros e viticultores que representan un importante nicho económico da riqueza galega. O camiño marcado por Coto de Gomariz e por Adegas Galegas ten que servir de modelo a outras iniciativas ás que se lles esixirá vigorizar o tecido empresarial de Galicia co fin de amortecer a nosa exánime economía. As empresas do viño non parecen estar condenadas á deslocalización, como tampouco as relacionadas coa alimentación destas terras do Avia e do Arenteiro. O pan de Cea --como producto globalizado que xa posúe a súa denominación de orixe como comarca protexida pola Comunidade Europea--, os viños galegos --no marco das cinco denominacións de orixe: Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras--, as industrias lácteas que traballan nas catro provincias, os productos cárnicos e outras moitas artesanías esparexidas por este país teñen que competir sen complexos nos mercados do planeta cos seus sinais de identidade: etiquetaxe en galego, calidade incuestionable dos productos, honorabilidade nos negocios e señorío nos compromisos. Esas serán as claves para que estas comarcas do Ribeiro e do Orcellón, esta provincia ourensá e toda Galicia salven as súas aldeas, ¡xa van máis de trescentas aldeas desaparecidas nestes últimos anos!, e non toleren que vaian reducindo os censos de habitantes das grandes poboacións.
É necesario que neste país a información dea paso ó coñecemento e que as innovacións e as tecnoloxías irrompan con todo o vigor no sistema económico e productivo lexitimando o seu dominio de competencia. Estes serán os mecanismos máis resistentes e con máis peso social, porque o mecanismo cultural, aínda que fulxente e ilustrado, é o máis vulnerable ós choques económicos e políticos.
     Amigas e amigos: Unamos esforzos todos xuntos nestes momentos trascendentais da historia. Aproveitemos as iniciativas empresariais e a preparación dos nosos xoves; compitamos cos nosos productos nos mercados internacionais evidenciando a calidade dos mesmos. Poñamos imaxinación para outear o futuro da economía mundial e poder colocarnos así nas posicións de saída coas nosas mercadorías. Somos capaces de facelo. Intentémolo e poñamos mans á obra.
     Moitas gracias a todos.

     Esposende, 7 de maio de 2005.

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas