| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS | |||||||
DISCURSO DO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN ALVARO DAS CASAS,
DON AVELINO MULEIRO GARCÍA,
NO ACTO DA ENTREGA DOS BACELOS DE PRATA 2006
Excmo. Sr. Sr. Conselleiro
do Medio Rural.
Excmo. Sr. Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Galicia.
Ilmo. Sr. Delegado de Cultura de Ourense.
Sr. Alcalde do concello de Ribadavia.
Ilustres autoridades.
Amigas e amigos.
Por
terceiro ano consecutivo celebramos a entrega dos Bacelos de prata neste emblemático
pazo dos Ulloa de Esposende, icástico edificio onde viviu don Álvaro
das Casas e convertido en sede da nosa asociación grazas á bonhomía
de Cándido Vázquez, dono do pazo. É desde esta atalaia
do Ribeiro como se palpa, en perspectiva insuperable, o contrapunto entre a
tradición e a modernidade, permitindo que xermolen iniciativas culturais
con sonoros ecos en todo o territorio galego. Tamén é aquí
onde a fantasía fabrica soños de ilusión e de esperanza
na procura dun futuro perfectible e mellorable. Son catro os anos que esta asociación
percorre Galicia sobre a garupa da cultura e durante este curto período
de tempo executáronse abundantes proxectos, moitos deles totalmente consolidados
na sociedade galega.
Permítanme mencionar algúns deles.
a.
Cursos de extensión universitaria nos que colabora a asociación
Álvaro das Casas e a universidade de Vigo. Dous foron eses cursos ata
o momento:
1. Álvaro das Casas e os seus temas: mocidade,
escena, galeguismo e ecoloxía. Celebrado en outono de 2003.
2. Sociedade rural: un mundo en transformación,
celebrado en outono de 2005.
b.
Un curso sobre o viño –Cultura, técnica e comercialización
do viño (con 300 horas de duración recoñecidas pola Xunta
de Galicia). Esta actividade desenvolveuse durante o cuarto trimestre do ano
2003.
c. Celebración dos maios (na comarca do
Ribeiro nos anos 2004 e 2005, e no ano 2006 a parte do Ribeiro tamén
na comarca do Carballiño)
d. Premios Bacelos de prata e de ouro. Hoxe celebramos
a entrega deste premio na súa terceira edición.
e. Publicacións.
Verbas
aos mozos galegos, no ano 2003.
Manifesto Ucra, ano 2004.
Dous diálogos do Teatro para nenos, ano
2005.
Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro.
O viño. Esta publicación de enorme éxito foi presentada
en Ourense (no edifico Simeón o 2 de decembro de 2005); en Vigo (Centro
Cultural Caixanova, o 15 de decembro de 2005); e no Carballiño (Casa
da Cultura, o 11 de abril de 2006).
Trátase dun libro e dun CD coas voces de
persoas das comarcas do Ribeiro e do Carballiño que son testemuñas
da historia destas comarcas. Esta é a primeira dunha serie de relatos
que a Asociación quere continuar con outras publicacións co mesmo
formato, libro e CD. As tradicións, As festas, Os oficios… son
algúns dos futuros títulos desta colección.
Estes días está no prelo unha edición
especialmente coidada das Xeiras realizadas polo grupo dos Ultreya, que foi
a creación xuvenil fundada por Álvaro das Casas a comezos da década
dos anos trinta. Esta publicación será presentada ao público
posiblemente a finais deste mes ou comezos de xuño.
f. Actividades publicitarias do Ribeiro. En setembro do ano 2004 publicitouse a etiquetaxe do viño en galego co seguinte lema: Colleita 2004. Máis galega.
Estas
son, amigas e amigos, algunhas das actividades que leva realizado esta asociación
desde o seu nacemento. Sen embargo non nos conformamos co realizado ata agora
porque aínda resta moito por facer; pretendemos, polo tanto, seguir desenvolvendo
reedicións das xa enumeradas e programar simultaneamente outras ata o
momento inéditas.
Estou convencido de que os logros acadados por
esta Asociación empezan a ser importantes no ámbito cultural de
Galicia e as claves do éxito son moi sinxelas. Desde a xénese
desta asociación temos permanecido á marxe de disputas periféricas
á cultura intentando conciliar a tradición coa modernidade. Isto
pareceunos un proxecto apaixoante e nunca se escondeu detrás del ningunha
motivación oculta nin espúria. Moito menos pretendemos antepoñer
o triunfo do estético sobre o ético, da gabanza sobre a efectividade,
nin do superficial sobre o fundamental. Somos concientes de que é necesario
ter unha visión precisa do mundo real e outra do mundo desexable para
non navegar da ilusión ó desengano. Nas nosas propostas programáticas
domina o intercambio intelectual aberto como método, porque as habilidades
emocionais e intelectuais se adquiren a través de actividades interactivas;
pero nunca expulsamos do discurso a imaxinación, que é irmá
do intelecto e guía da intuición creadora. Dese modo harmonizamos
o rigor conceptual coa espontaneidade imaxinaria, a circunspección, coa
naturalidade. Ambos aspectos resultan complementarios xa que mentres a razón
se circunscribe a criterios de coherencia estrita regulada por imperativos,
a espontaneidade non resulta programable e necesita de oportunidades e non de
ordes.
Amigas e amigos: Todas as iniciativas da Asociación
Álvaro das Casas teñen como meta final levantar a autoestima deste
país. Cremos nun futuro mellor para esta Terra e estamos convencidos
de que ese futuro será posible porque o posible se atopa xunto ó
necesario. Dicía John Sherman que “o mellor profeta do futuro é
o pasado”; pois ben, cando observamos o percorrer do pasado inmediato
e, aínda, cando nos mergullamos na historia milenaria de Galicia, decatámonos
da enerxía vital e telúrica da súa xente e imaxinamos un
futuro próspero e feliz. Quizais sigamos crendo na utopía porque
a dimensión utópica é consubstancial ó ser humano
e ademais temos unha fe case infinita na necesidade deste tipo de soños.
Sen tela en conta, poucas posibilidades teremos de transformar a nosa realidade
social. Temos, pois, que seguir soñando e non só soñar
con sobrevivir senón con vivir ben.
Durante moito tempo escoitábanse mágoas
de desalento e queixumes de resignación pola situación económica
e social de Galicia; tal vez porque as galegas e os galegos tiñamos sucumbido
á fascinación dunha historia cargada co peso do pasado. Xa no
ano 1921 Ortega y Gasset escribía estas estólidas palabras:
“En Galicia, tierra pobre, habitada por
almas rendidas, suspicaces y sin confianza en si mismas, el particularismo será
reentrado, como erupción que no puede brotar, y adoptará la fisonomía
de un sordo y humillado resentimiento, de una inerte entrega a la voluntad ajena,
en que se libra sin protestas el cuerpo para reservar tanto más la íntima
adhesión.
No he entendido nunca por qué preocupa
el nacionalismo afirmativo de Cataluña y Vasconia y, en cambio, no causa
pavor el nihilismo nacional de Galicia o Sevilla”.
A asociación Álvaro das Casas rebélase
contra este tipo de discursos e pretende colaborar con toda a cidadanía
galega para borrar definitivamente esa imaxe fixa que se vendeu de Galicia.
Na actualidade a imaxe de Galicia é outra
moi distinta; Galicia empezou a posicionarse no mundo sen complexos, sen enquistamentos
receosos e sen hipotecas onerosas, así que non podemos permitir que rexurdan
os fantasmas do pasado tras moito tempo soterrados e mutilen seriamente o seu
desenvolvemento. Se así ocorrese sería un grave despropósito
para este país. Cada tempo ten as súas propias vantaxes e os seus
propios mecanismos de defensa para adaptarse ás circunstancias e superar
os obstáculos. Observamos que actualmente impera un racional optimismo
sobre o futuro de Galicia e que, ó meu parecer, ese optimismo se fundamenta
máis que no fin dos problemas no comezo das solucións. Debe ser
finalidade prioritaria dos políticos galegos propiciar esas solucións
ós problemas de Galicia e facelo do modo máis eficaz.
O amplo grupo de persoas que formamos parte desta
asociación non somos evidentemente levantadores de pesos metafísicos,
pero tampouco sucumbimos á fascinación do imposible. Somos simplemente
dinamizadores e, tal vez, audaces timoeiros dunha pequena chalana da flota cultural
galega. Nós intentamos establecer todo tipo de sinerxias na procura de
paradigmas económicos, culturais e sociais que sexan capaces de estimular
o desenvolvemento e o progreso en harmonía co marco tradicional identitario.
Gústanos conseguir que cada persoa e cada grupo humano estruturado se
recoñeza pola singularidade dos seus rasgos específicos e por
características peculiares coas que se describen os seus sinais de identidade.
É así como a asociación Álvaro das Casas, instalada
desde a súa fundación nunha filosofía galeguista e pragmática,
programa cada actividade cultural no ámbito desas coordenadas antropolóxicas,
nas que por riba de todo se enaltece a singularidade da historia de cada grupo
social –O Ribeiro, O Carballiño- e se estimula o orgullo e a autoestima
de cada persoa.
Pero os verdadeiros artífices da nova imaxe
de Galicia son todas as galegas e todos os galegos que, igual que os empresarios
de Terras Gauda e Casal de Armán, activan o progreso deste país
levantando a súa economía e colaborando a que todos nos enorgullezamos
de ser galegos. Felicidades a estas dúas empresas vitivinícolas
polo galardón logrado.
Moitas grazas a todos.
Avelino Muleiro García
Esposende, 13 maio de 2006.
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador