| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS | |||||||
DISCURSO DO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN ALVARO DAS CASAS,
DON AVELINO MULEIRO GARCÍA,
NO ACTO DA ENTREGA DOS BACELOS DE PRATA 2007
BACELOS 2008
Ilustres autoridades.
Señoras e señores.
A Asociación Álvaro das Casas tivo
o pracer de convidar a todos vostedes a esta cuarta edición dos Premios
Bacelos de prata do ano 2007 e tanto os membros da Asociación como o
seu presidente séntense orgullosamente honrados coa súa presenza.
Os premios Bacelos forman parte fundamental do heteroxéneo e amplo programa
anual da nosa Asociación que, desde a súa orixe, se confabulou
para celebralos ó comezo da primavera neste acolledor e señorial
pazo dos Ulloa. Celebramos, pois, en simultaneidade a festa dos bacelos e a
exaltación da primavera. A primavera é o período que concita
as emocións máis inusitadas e os sentimentos máis intensos,
perennemente presentes nos trazos ancestrais da nosa cultura e inexorablemente
asociados á terra polo imaxinario colectivo. A terra foi desde sempre
fonte de supervivencia, de misterio e de fascinación, e a súa
maxia é capaz de transformar na mente humana as vivencias telúricas
da idiosincrasia galega en panteísmo místico e totémico.
A terra aparece en primavera máis fermosa, máis inconmensurable
e máis extraordinaria ca nunca, porque trasborda vida, excita empatía,
contaxia sentimentos e promove extraordinarias emocións. E abofé
que nada nos fai sentir tan humanos como as emocións. Por iso lles propoño
gozar deste día primaveral e cultural, brindando con Dionisos e enaltecendo
a Atenea para lograr a súa protección e para que non nos ocorra
o que lle aconteceu a Penteo, rei de Tebas, que por ser irrespetuoso con Dionisos
foi duramente castigado, tal e como nos conta Eurípides nas Bacantes.
Este acto pretende ser, pois, un canto á natureza a través do
viño e un eloxio a Atenea a través da cultura. Intentamos conseguir
que a función cultural e intelectual sexa á vez unha función
de lexitimación da sociedade e de denuncia dos deficits da súa
articulación, de formulación de ideas e de crítica da mitoloxía
colectiva na que se fundamenta a convivencia social nun momento dado. Apostamos
así por unha opción moral e por un gusto estético que se
funden na dignidade intelectual respectando escrupulosamente a distancia entre
as palabras e as cousas, entre as razóns e as opcións.
Evocando aquel aforismo de que non hai “nada
novo baixo o sol”, podemos imaxinarnos reproducindo hoxe neste decorado
de Esposende aquelas mesmas escenas dos ritos dionisíacos, onde o viño
se alía con todas as enerxías da natureza para pintar un escenario
marabilloso e magnífico detrás dun polícromo telón
primaveral. O pensamento mítico celebraba con ritos máxicos a
reviviscencia da natureza en primavera, crendo que para producir os grandes
fenómenos naturais dos que dependía a súa vida, só
tiñan que imitalos para que, por simpatía secreta ou por influencia
mística, a natureza actuaría ó seu favor. E foi o Gran
Eneo, rei de toda Caledonia, o primeiro en plantar as colinas de toda aquela
comarca cos bacelos que lle entregara Dionisos, conseguindo así o sobrenome
de "viñateiro". Hoxe abundan en Galicia os descendentes daquel
gran Eneo ---algúns deles presentes neste acto-- e que lle agradecen
ó deus Dionisos o seu invento e a súa aportación á
economía e á cultura.
Amigas e amigos: Premiamos hoxe o traballo dunha
xente que con incalculable esforzo e afouteza é capaz de colocar un produto
de Galicia no mercado globalizado, competindo a retesía con outros países
tradicionalmente mellor colocados desde o punto de vista estratéxico
e comercial. O viño é --a pesar da espada de Damocles que a ministra
de Sanidade e a Dirección Xeral de Tráfico pretenden levantar
contra el-- unha das poucas testemuñas competitivas que quedan do campo
galego. A agricultura, próspera e fecunda noutros tempos non lonxicuos,
agoniza agora exangüe entre a desesperación dunhas vontades ás
que as mans xa non responden e o éxodo das novas xeracións fascinadas
polos reclamos tecnolóxicos e polas expectativas de vida das grandes
urbes, lonxe da terra e desligados da aldea dos seus proxenitores. É
certo que Galicia vai deixando atrás, pouco a pouco, os réprobos
tópicos campestres polos que se recoñecía no exterior,
pero tamén vai perdendo no interior eses sinais de identidade que foron
moito máis que puro romanticismo emotivista e literario. A Galicia rural,
despensa secular e milenaria dos galegos, empeza a ser historia e as novas xeracións
non tardarán demasiado tempo en vela como un trazo bucólico do
idealismo máxico novaliano.
Pero a realidade hai que asumila como é.
O pensamento posmoderno considera que vivimos na aldea global e que todas as
persoas somos cidadáns do planeta, auténticos cosmopolitas dentro
da Terra. Sen embargo, dentro desta aldea global hai obstáculos que frean
o proceso dunha globalización consolidada. Fundamentalmente, a pobreza,
a desigualdade e o illamento de moitas partes do mundo son causas que implican
a marxinación das transformacións que benefician ás áreas
máis favorecidas do planeta. Ademais, a globalización non elimina
a pobreza; segue habendo ricos e pobres, clases con privilexios e individuos
marxinados. Hai países con máis posibilidades competitivas e países
con menos recursos, resultando obvio que o libre comercio non implica unha ganancia
absoluta. O libre comercio pode minar unha economía local de subsistencia
xa que a fai máis vulnerable ás alteracións dos prezos
e dos cambios tecnolóxicos. Nunha sociedade mundializada todas as persoas
e todos os países deberiamos ter os mesmos ou equivalentes dereitos e
deberes para lograr o ben común. Porén, esta idea non deixa de
ser unha utopía, unha auténtica quimera, porque nin todos gozamos
dos mesmos ou parecidos dereitos nin a todos nos obrigan os mesmos deberes.
Non existen, pois, no mercado globalizado as condicións mínimas
de simetría esixidas por unha ética racional. Neste mercado único
hai Estados con privilexios para mercar, vender e producir os seus produtos
sin restricións –incluso abusando e incumprindo normas e protocolos
consensuados polos grandes países produtores, como o famoso protocolo
de Kioto respecto á contaminación, --, mentres outros ven obstaculizadas
constantemente as súas iniciativas para competir libremente. Créase
así un desequilibrio social, inxusto e inmoral con repercusións
económicas e políticas capaces de abocar a conflitos de carácter
hexemónico e insolidario. A pobreza e a miseria son as evidentes conclusións
desta discriminación planetaria.
Se existe unha política consensuada internacionalmente
dun mercado global, bótase de menos unha ética acompañante
desa ideoloxía mercantilista, pragmatista e utilitarista. É necesario,
pois, reivindicar canto antes unha ética de mínimos para poder
sobrevivir física, económica e humanamente neste mundo competitivo
e avaro. Nesta ética habería que introducir como válidas
tan só aquelas normas que poidan contar co asentimento de todos os afectados
como participantes dos intercambios dentro dese mercado global, sen admitir
imposicións intrasixentes dos poderosos. Do contrario, os máis
débiles levarán as de perder. Habería que empezar, ó
meu xuízo, por aquilo que tres grandes pensadores destes últimos
tempos --Habermas, Apel e Rawls-- reivindican para unha ética moderna:
o discurso ou a acción comunicativa. Hai que poñer a funcionar
a racionalidade comunicativa -–a razón ó servizo da persoa
a través do diálogo-- fronte á racionalidade instrumental
–que consiste na razón ó servizo da tecnoloxía e
da produción--. O noso moralismo ancestral galego conecta coas necesidades
obxectivas do presente e reclama para a comunidade global unhas normas de convivencia
pacífica e non agresiva, porque a agresión permite ós máis
fortes acceso a territorios e mercados ademais dun importante modo de conseguir
primacía entre os individuos.
Castelao xa outeaba o perigo da globalización
en Sempre en Galiza. Tomando o modelo do internacionalista Jean Jaurés,
para quen “a patria universal non pode realizarse máis que a base
de nacións autónomas e reconciliadas”, o pensador de Rianxo
afirma que “o internacionalismo eficaz non deserta das patrias, senón
que as trascende en órganos dunha nova humanidade”. Esta tese é
a que deberiamos asumir toda a xente de Galicia porque nela se defende e reivindica
a propia identidade galega dentro da universalidade planetaria. O fenómeno
local entra desta maneira no universo das relacións globais, sen perder
a súa propia esencia. Galicia debe estar aí competindo cos seus
produtos, cos seus proxectos, coa súa lingua, coa súa aportación
científica e tecnolóxica nese mercado mundializado.
Pero para facelo con éxito temos que empezar
por revisar as bases e os principios de funcionamento das nosas fontes de riqueza,
reclamando simultaneamente unha fonte de rexeneración moral e social.
Deixando aparte outros recursos galegos e centrándonos na terra xa que
estamos na celebración dos bacelos de prata, decatámonos de que
hai moito que cambiar na nosa agricultura. Urxe unha profunda reforma dos nosos
campos como primeira operación de rescate moral e apremian políticas
de modernización na explotación das nosas terras. A terra queda
orfa; orfa de xente, orfa de lingua e orfa de semente. A terra queda improdutiva,
cuberta de maleza, converténdose no mellor reclamo para os incendios,
cando non nunha perigosa tentación da especulación urbanística.
O deterioramento no que se atopa a maior parte do interior de Galicia supón
unha perversión moral do noso pasado e dos nosos costumes porque infrinxe
os principios mínimos desa ética que revindicamos no mundo globalizado.
Non se pode permitir que as enormes potencialidades económicas que albergan
as terras galegas se estraguen irresponsablemente. Cómpren políticas
dirixidas a recuperar a riqueza incalculable das nosas terras; son necesarias
intervencións políticas con imaxinación para buscar alternativas
ós inzos imparables da matugada que converte o campo produtivo nunha
selva imparable. Apremian decisións institucionais capaces de poñer
en valor os recursos que os campos galegos poden ofrecer á economía
galega. Non podemos conformarnos coa situación presente nin dicir que
as nosas terras non resultan rendables nin competitivas fronte a outros países.
Os propietarios das adegas Moure da Ribeira Sacra e o adegueiro Antonio Cajide
Gulín de Santo Andrés, que son os premiados cos Bacelos 2007,
son probas evidentes de que á terra se lle poden sacar beneficios sorprendentes.
Penso que igual que os premiados deste ano hai
moitos galegos e galegas que seguen os seus pasos. Por iso hai que louvar pública
e solemnemente a súa opción e o seu compromiso coa terra. Sería
magnífico que o espírito deste foro de Esposende se amplificase
e callase na sociedade galega para poder cambiar as tendencias dos últimos
lustros na explotación da terra. Sabemos que moitas veces as cousas só
se constitúen en valores cando deixan de ser realidades. Pero a auténtica
experiencia da realidade só comeza alí onde acaba a nosa capacidade
de facermos as cousas á nosa medida. Talvez sexa neste momento crítico
da historia do rural galego cando a ética adquira un novo sentido de
profundidade na sociedade e por iso será necesario atopar a forza e o
entusiasmo para defender desta ética colectiva as súas formas,
o seu ritual e súa liturxia.
Moitas grazas.
Esposende, 12
de maio de 2007
Avelino Muleiro García
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador