Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

INICIO
Presentación
Historia
Feitos
Bacelos
Maios
Encontros
Curso viño
Curso mocidade
De cine
Fotos
Prensa
Ridimoas
Lingua
Don Alvaro
Frases

DISCURSO DO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN ALVARO DAS CASAS,

DON AVELINO MULEIRO GARCÍA,

NO ACTO DA ENTREGA DOS BACELOS DE PRATA 2008

BACELOS 2008
Ilustres autoridades.
Señoras e señores.
Amigas e amigos.

     Un ano máis estamos convocados neste pazo dos Ulloa para festexar unha efemérede xa consolidada, a dos premios “bacelo de prata”. Con esta edición completamos o primeiro lustro das celebracións primaverais organizadas pola asociación Álvaro das Casas nestas terras do Ribeiro, onde tradicionalmente conxugamos o ético co estético, o laborioso co lúdico e o particular co global, procurando resaltar e penetrar na natureza das cousas. O día 11 deste mesmo mes, domingo, celebraremos os maios 2008 na alameda de Leiro, acto co que pecharemos a programación primaveral da asociación.
     Os premios que hoxe entregamos ás adegas Martín Códax e Algueira son o recoñecemento a un labor ben feito ó longo dun dilatado período de tempo durante o cal os premiados crearon riqueza, colaboraron a facer país e foron quen de aportar iniciativas a unha sociedade onde abundan os mercaderes astutos e impera a omnipresencia da mediocridade. Por iso, valores como o traballo, as iniciativas empresariais, o espírito de progreso e a confianza nos propios ideais son modelos de coherencia dignos de louvanza pública e paradigmas a imitar.
     Desde este foro de impoluta liberdade e de profundo respecto ás persoas e ás opinións sempre intentamos ofrecer unha visión precisa do mundo real e outra do mundo desexable. Sen ningún tipo de eufemismo podemos afirmar que ó non estarmos secuestrados por ningunha ideoloxía, as nosas reflexións devólvennos hoxe á intesidade da escena sobre a realidade social, e os nosos marcos de expectativas cara ó futuro xermolan exclusivamente da racionalidade dos argumentos e da confianza depositada na natureza humana cara á solidariedade e á felicidade.
     Hoxe, talvez como en poucas outras ocasións, estes premios simbolizan o eloxio e o recoñecemento público á contribución da economía do país. Somos conscientes da crise económica na que estamos instalados e que nos perseguirá nos próximos anos, tal como auguran os gurús da economía mundial. A nivel individual algo podemos facer para mitigar as consecuencias desa crise, pero seremos máis eficaces se nos unimos os cidadáns baixo propostas comúns. É evidente que as turbulencias veñen de lonxe e resulta moi difícil predicir as súas consecuencias na sociedade galega.
     Despois dun axuste doloroso das economías a finais do século pasado, na actualidade aparecen nubarróns que amezan con novos e máis rigoros axustes. A emerxencia de China, India e outros países asiáticos implica unha nova revolución económica no mundo trala dos séculos XIX e XX, só que nesta ocasión moito máis estensa, intensa e rápida. Máis estensa porque abrangue ó mundo enteiro e non só o occidente nor-atlántico; máis intensa, pois por primeira vez na historia da humanidade hai máis poboación urbana que rural; e máis rápida, xa que mentres Inglaterra ou os EEUU necesitaban cincuenta anos para dobrar a súa renda per capita, agora China e India –como antes Corea ou Singapur-- fano cada dez anos. ¿Que está pasando? ¿Que consecuencias vai ter todo iso para Galicia? ¿Cómo xestionar a nova sociedade-mundo emerxente, que salta por enriba de todo tipo de fronteiras?
     Cando Álvaro das Casas escribiu o manifesto UCRA no 1936 para promocionar o viño do Ribeiro e fomentar a unión dos colleiteiros na defensa dos seus intereses, o proceso de comercialización e distribución dos produtos nada tiña que ver coa loxística actual. A competitividade non traspasaba as fronteiras peninsulares, e a publicidade era case inexistente. Tampouco as técnicas de elaboración e a enoloxía eran comparables ás actuais. O consumo do viño non estaba xeralizado na sociedade coa exquisitez e finura destes tempos, nin a variedade de uvas permitía elaborar tanta diversidade de produtos. O viño, como outras colleitas agrícolas, formaba parte dun reducido mercado que, no caso de Galicia, se abastecía fundamentalmente de viticultores e colleiteiros para os que o viño representaba os únicos ingresos da economía familiar.
     Pero sería a sociedade americana dos anos vinte do século pasado a que cambiase o rumbo da economía, incluíndo o viño entre os produtos de consumo. Foi por eses anos cando o consumo de masas, ata daquela patrimonio duns poucos afortunados artistas e intelectuais, fixo a súa aparición nos EEUU convertendo o hedonismo nunha forma de conduta xeralizada na vida normal. Aí reside a gran revolución cultural das sociedades modernas. Aqueles bens considerados de luxo ata había ben pouco, grazas á publicidade e á moda, vanse considerando asequibles a boa parte da sociedade americana. A moral puritana claudica ante os valores hedonistas que animan ó goce e ó disfrute da vida, ó gasto incontrolado e á cesión dos impulsos en detrimento da razón. O hedonismo convertíase no principio central da cultura moderna e a posmodernidade abríase paso sen grandes dificultades entre as débiles argumentacións da sociedade de consumo.
     Esas claves do éxito do consumo de masas vén marcado polas ideas de Adam Smith quen, a través do seu libro A riqueza das nacións, exaltou o valor do traballo. Smith propuxo a idea de que a liberdade levaría á máxima riqueza posible, afirmación baseada na Teoría do sentimento moral. Para Smith o progreso da sociedade lógrase a través da liberdade económica. A escola de Chicago sería a súa continuadora no século XX.
     Pero fronte a estas teses de Smith, aparece no ano 1936 un famoso libro de Keynes titulado Teoría xeral da ocupación, o interese e o diñeiro. Nel lóuvase a teoría do capitalismo regulado. A esencia da teoría keynesiana estriba en que o Estado burgués, coa fin de conservar e consolidar o réxime capitalista, debe intervir activamente na vida económica e asegurar elevadas ganancias ós monopolios capitalistas máis importantes. Noutras palabras, non se pode deixar a economía na “man invisible”, á que facía referencia Adam Smith, unha man encargada de dirixir ós individuos para satisfacer o seu interese.
     A xuízo de Keynes, hai que fundar e ampliar as empresas capitalistas a conta do orzamento estatal e prestar axuda financeira ós monopolios. Cómpre desenvolver as industrias de guerra a fin de aumentar o emprego da poboación e diminuír o crecemento do paro forzoso. Hai que elevar os impostos; intensificar máis o traballo dos obreiros aumentando a produción; elevar o consumo non produtivo dos capitalistas; regular a circulación monetaria; utilizar os desocupados en obras publicas; e intervir o Estado na economía. Con estas medidas, as crises económicas poderán superarse a curto prazo. Desde unha teoría keynesiana as posibles propostas para facer fronte a presente crise terían que pasar por elevar a ocupación ampliando a producción; incrementar a rendabilidade do capital diminuíndo o salario real dos traballadores; reducir os tipos de interese; facer uso da inflación segundo conveña; manter unha política de militarización da economía a costa dos recursos estatais; aumento dos gastos con fins non produtivos; etc.
     ¿A cál destes dous modelos lle vemos máis posibilidades para solucionar de forma máis contundente a crise actual? Eu diría que os dous teñen xa un longo percorrido histórico e ningún deles superou a proba nos países en que se aplicou. Por outra parte, nas actuais circunstancias, en que a solución se busca a nivel mundial, ningún deles parece suficiente para a solución do problema. Intentar poñer en práctica calquera destes modelos derivaría nun explosivo paquete de problemas tanto sociais como ecolóxicos e medioambientais.
     En primeiro lugar, aceleraríamos o esgotamento das materias primas que nos ofrece gratuitamente a natureza para consumilos de modo racional. O petróleo, os cereais, a auga… xa empezan a ser recursos escasos e cada vez máis limitados. En segundo lugar, o incremento do prezo destes produtos dispararíase nos mercados internacionais. Como consecuencia de ambos problemas agravaríase a inxusta distribución dos bens de primeira necesidade, acelerando o aumento da pobreza no mundo.
     Unhas recentes estatísticas sobre a suba do prezo dos cereais nestes últimos meses auguran unha repercusión de cen millóns máis de pobres no mundo para estes próximos anos. Se sumamos o encarecemento das restantes materias primas en perigo de esgotarse a curto prazo e o incremento do paro, o panorama inmediato que albiscamos resulta pouco esperanzador. E daquela, a conclusión parece obvia: veremos reducidas as nosas expectativas hedonistas e as que consigamos van resultar máis dificultosas. Pero iso vai ser minucia comparado coa pobreza que se vai asañar irremediablemente cos máis débiles. Penso que debemos facer unha reflexión máis profunda das cousas e non quedarnos na súa pel. ¿Cómo deter o incremento da pobreza e poder saír con honra moral da crise? Unha primeira resposta podemos achala no ámbito da xustiza, un concepto con moitas arestas e por esta razón constantemente cuestionado. Nesta dirección de formar unha sociedade xusta parece apuntar a Economía Alternativa e Solidaria, un enfoque novo que representa a aproximación global á xestión dos bens e da riqueza, fundamentada en valores éticos e de xustiza para ofrecer alternativas sostibles. Parece utópico pretender empezar a vertebrar de novo a sociedade nunha xustiza partindo dunha posición orixinal, no sentido que lle dá Rawls, pero as ideas sobre a Teoría da xustiza aportadas por este pensador norteamericano poden resultar eficaces para a situación actual, sobre todo ó entendela como equidade.
     Nesa posición orixinal, que Rawls denomina veo de ignorancia, xa non deben ser os individuos dun determinado Estado os que participen no consenso sobre cómo entender a xustiza –tal como propoñía Rawls--, senón que deberá ser a totalidade dos Estados do planeta, coa finalidade de que as normas favorezan a todos e a cada un deles, con independencia das súas características propias. En tal situación, cada Estado terá que decidir por que principios quere ser gobernado. E como cada un deles pensa que lle pode tocar no futuro ser o peor situado nesa economía global (pobre de recursos, non competitivo tecnoloxicamente, discriminado politicamente, etc.), todos tratarán de maximizar os mínimos recursos e de propoñer uns principios que beneficien ó máximo posible a aqueles que están peor situados (principio maximin). A partir desta situación orixinaria, calquera Estado representado por un goberno intelixente proporía alomenos estes dous principios de mínimos:
     1º. Que cada Estado ou nación deberá ter dereito ó modelo máis extenso de liberdades básicas que sexa compatible coas liberdades dos demais.
     2º. Que as desigualdades sociais e económicas hanse de regular de tal modo que se poida esperar razoablemente que sexan vantaxosas para todos. O ideal sería que todos os países fosen iguais, pero como non é así, só estarán xustificadas as desigualdades que beneficien ós menos avantaxados.

     Se admitimos estes principios emanados da teoría consensual da xustiza podemos propoñer hoxe desde aquí estas reivindicacións:
     1.- Que os países máis desfavorecidos no mundo teñan certas vantaxes ante os órganos de decisións da economía mundial.
     2.- Que os produtos galegos --entre eles o noso viño, ensalzado hoxe neste foro ribeirán- teñan os mesmos dereitos nese marco de competitividade global en que están presentes todos os países.
     3.- Que a nosa lingua goce de plena liberdade nos foros internacionais para realizar todas as transacións, na convicción de que as persoas son quen de elixir a súa lingua para comunicarse cos demais, para expresar os seus gustos e as súas necesidades e, en definitiva, para manifestar a súa forma particular de ser e de pensar. A cultura é un modo de ver o mundo, e a nosa, como todas as demais, reflicte en exclusividade esa visión.
     Amigas e amigos: Pretendín con estas palabras presentar un deconstrucionismo sociolóxico máis que un construtivismo ideolóxico. Despois de todo comprobarían que non deseñei un listado de solucións, senón máis ben un paquete de problemas. Pero tampouco coñecemos ningún gurú nin chamán capaz de anticipar solucións esclarecedoras e convincentes. Como o estado das cousas non nos vai permitir plasmar ningún ideal, vale máis renunciar de antemán a calquera ilusión para quedarnos coas propectivas intelectuais do que temos á vista. O problema xa o temos aí e os modelos económicos clásicos non se ven como panacea para dar coa saída. O que si parece claro é que nos momentos difíciles a intelixencia logra maior éxito que nas situacións de conformismo e comodidade, e que despois de períodos de crise, a historia sempre nos agasalla con épocas de superación renacida.
     A riqueza dun país non se mide pola cantidade de metais preciosos que acumule, como aseveraban os mercantilistas, senón pola magnitude da súa capacidade produtiva en periodos e condicións determinadas. Hai poucos días que o presidente do BBVA asegurou que Galicia é menos vulnerable á crise porque a súa economía é "menos especulativa" que a doutras zonas do Estado. Todos estamos convencidos diso. Galicia ten recursos naturais e xente con ideas para atopar solucións coas que mitigar as crises. Cómpre buscar iniciativas ós nosos produtos. Iniciativas como as que programaron os viticultores da Ribeira Sacra apostando polo etnoturismo, unha forma de promocionar o viño a través do turismo da comarca. Precisamos iniciativas para recuperar definitivamente os miles de hectáreas de terra erma e improdutiva.
     Como país, temos o deber de nos aglutinar en torno a horizontes comúns, indo unidos polos camiños da solidariedade, do traballo e da identidade cultural. Estas son as mellores ferramentas para o éxito. E será máis doado saír xuntos que intentar nadar sós na voráxine do proceloso mar desta actual economía.
     Moitas grazas.
     Esposende, 3 de maio de 2008.

 

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas