| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS |
|||||||
(Carta remitida pola Asociación Alvaro das casas co gallo do día
das letras galegas 2004)
Asociación Álvaro das Casas
17 de maio, Día das Letras Galegas de 2004
Ilmo.Sr.Alcalde do Concello
Casa do Concello
Sr.Alcalde:
O pasado sábado, no pazo dos Ulloa de Esposende, a Asociación
Álvaro das Casas, entregou os BACELOS DE PRATA, á Cooperativa
do Ribeiro e á Adega Viña de Martín. Estes premios foron
creados para recoñece-lo labor a prol da lingua galega dos colleiteiros
e adegueiros do Ribeiro. Estas dúas empresas vitivinícolas teñen
méritos abondo para seren acredores de tales distincións. Unha
-a Cooperativa do Ribeiro- porque na súa traxectoria ten botado man dos
topónimos das terras do Ribeiro, para denomina-las súas distintas
marcas; a Viña de Martín, porque malia ser unha adega pequena,
sen embargo, soubo valora-la importancia de etiqueta-los seus envases en lingua
galega.
A utilización da lingua galega nos envases e publicidade dos viños, amais de identifica-lo producto coa nosa Terra e tradición cultural, supón un elemento transmisor importante para a súa dignificación. Eís a razón pola que foron instituídos estes premios e que un xurado independente, formado por expertos en temas agroalimentarios, gastronómicos e no deseño publicitario, concederá anualmente.
Unha falsa concepción da imaxe dos nosos productos fai que moitos empresarios, e nomeadamente os adegueiros, pensen que a utilización do castelán ou de calquera outro idioma, distinto do galego, é máis apto para venderen as súas mercadorías nos mercados interiores e exteriores. Esta mentalidade, á que non son alleos os asesores de imaxe e mercadotecnia, descoñecen os estudios que sobre este particular ofrecen o Mapa Sociolingüístico de Galicia e varios estudios máis , que recoñecen que o uso da lingua galega na etiquetaxe non é nunca un obstaculo para a súa comercialización e tampouco provocan o rexeitamento dos consumidores.
Os andeis de supermercados e viñotecas ofrécennos un nutrido surtido de productos elaborados noutros países etiquetados na lingua de oríxe. Os queixos franceses ou holandes; os viños do Rhin ou os champáns franceses, de recoñecido prestixio e aceptación polos consumidores están etiquetados nas linguas dos países que os producen e, sen embargo, os consumidores galegos e doutras culturas consúmenos levados polo seu prestixio, aínda sendo descoñecedores desas linguas.
Dun tempo a esta parte son cada vez máis os empresarios que venceron os receos iniciais a utilizaren a lingua galega na rotulación dos seus productos. Empresas tan emblemáticas como Sargadelos, de recoñecido prestixio no mundo, etiquetan os seus productos en lingua galega, identificando a calidade dos mesmos coa nosa cultura. Pero aínda así queda moito que facer para que a lingua galega sexa un elemento identificador dos nosos productos. Velai porque a Asociación Álvaro das Casas se dirixe á Corporación que vostede preside para que se discuta e se aprobe, se esa for a vontade dos rexedores municipais, a seguinte MOCIÓN, para o seu traslado ós adegueiros da Comarca do Ribeiro do Avia:
CONSIDERANDO QUE A LEI 3/1983 ,do 15 de xuño, DE NORMALIZACIÓN LINGÚISTICA DE GALICIA, di:
Artigo 25.
O Goberno Galego e as Corporcións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións de obrigas fiscais.
CONSIDERANDO QUE A LEI 125/1984, DO ESTATUTO GALEGO DO CONSUMIDOR E USUARIO, di:
Artigo 23
No ámbito da Comunidade Autónoma Galega propiciarase o galego.
CONSIDERANDO QUE A CARTA EUROPEA DAS LINGUAS REXIONAIS OU MINORITARIAS (feita
en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992 ), di:
Artigo 10.
2 b) Nos sectores económicos e sociais directamente baixo o seu control (sector público), a realizar actos promocionais que tendan a fomenta-la utilización das linguas rexionais ou minoritarias.
CONSIDERANDO QUE O DECRETO 101/1985, DO 23 DE MAIO, SOBRA A UTILIZACIÓN
DO IDIOMA GALEGO NO ETIQUETADO E PUBLICIDADE DOS PRODUCTOS QUE SE COMERCIALICEN
EN GALICIA, di:
Artigo 1º.
Os datos obrigatorios de conformidade coas disposición vixentes, e aqueles outros que se consignen de modo facultativo, que figuren no etiquetado dos envases ou na rotulación das embalaxes dos productos que se comercialicen no ámbito territorial da Comunidade Autonoma de Galicia, poderanse expresar nos idiomas galego ou castelán, ou ben en ámbolos dous idiomas.
O Pleno do Concello a teor do corpus lexislativo que se cita e que ampara e
protexe o uso da lingua galega na rotulación e etiquetaxe dos productos
galegos
ACORDA:
Aproba-la presente moción e remitirlle-la a tódolos adegueiros e colleiteiros da Comarca do Ribeiero do Avia o texto desta MOCION e recomendarlles a todos eles o uso da lingua galega na etiquetaxe dos envases, rotulación das embalaxes e na publicidade no ámbito da nosa Comunidade Autónoma.
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador