| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS |
|||||||
COPLAS DOS MAIOS DE LEIRO 2006
CEPAS DO RIBEIRO
Medrade, cepas, medrade,
que ven o maio florido,
e se chegade ó outono
beberemos un bo viño.
Qué importa que gañe a liga
o Madrid ou Barcelona,
o que importa pra vos é
moito sol e pouca choiva.
Que aproben os estatutos
fora ou dentro de Galicia
que eu vouvos ter atendidas
dende agora ata a vendima.
Se sobe o petróleo ó ceo
será para forrar cartos,
que se non hai gasolina
pódese cavar co sacho.
E se o viño que vos dades
véndese cada vez peor,
non será por culpa vosa,
que vos sodes do mellor.
E ti, treixadura preta,
ti, tarrantés, cagarrizo,
seguide medrando arreo
pra facermos un bo viño.
E ti, meu caiño longo
e brncellao tan tantigo,
pedídelle ó sousón
que vos dea colorciño.
Que se maten eles todos.
vos dádeme bos racimos,
que en canto o médico deixe
bebemos eu e os amigos.
Leiro, maio 2006
AQUI ESTAMOS
Chegaches maio,
tan esperado,
fai que se fixe
en nós o xurado.
Maio, maiolo,
queremos que
non suba máis
o petróleo.
Maio, maiolo,
trae máis nenos,
que cada vez
xomos menos.
Xa hai coidadoras
no autocar:
compren nenos
a quen coidar.
Queremos neste colexio
unha alameda facer,
que sexa "pros" nenos
un bo sitio de lecer.
Maio, maiete,
que se vendan
ben o branco,
o tinto e o clarete.
(C.E.I.P. EMILIA PARDO BAZAN DE LEIRO, maio 2006)
FIOS DE SEDA
Xa alá no século quince
a chamada Celestina
tiña un oficio curioso
que era arranxar vaxinas.
Con agullas delgadiñas,
fios de seda encerada,
facíalle virgos novos
ás mulleres xa gastadas.
E que o facía tan ben,
¡condanada Celestina!,
que vendeu tres veces virxen
a unha criada que tiña.
Unha doutora en Madrid,
rúa Ourense, pra máis señas,
ven cobrando dous mil euros
por facerche a cousa mesma.
Quince minutos de nada
e unha anestesia local
e xa tes recuperada
a túa virxinidá.
Xa se deu un caso raro
de quen vendeu o seu corpo
e a dous billetes o arreglo
gañou os corenta e oito.
Alá en Estado Unidos
púxose o tema de moda
e a ciruxía do himen
vailleindo vento en popa.
O tema xa foi portada
en "The Wall Steet Journal"
pero inda pra algunha xente
é un tema algo vanal.
E se falamos de homes
por aquelo da igualdade,
se é virse ou non o é
¡cómo c...... se sabe!
(Maios do Ribeiro 2006. Estas coplas levaron o segundo premio. Nesta páxina faltan as que levaron o primeiro premio, que non as teño porque estás esgotadas)
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador