Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

INICIO
Presentación
Historia
Feitos
Bacelos
Maios
Encontros
Curso viño
Curso mocidade
De cine
Fotos
Prensa
Ridimoas
Lingua
Don Alvaro
Frases

COPLAS DOS MAIOS DE LEIRO 2006

 

 

MAIO FLORIDO

As coplas do maio
temos que cantar,
caládevos todos
que imos comezar.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Din que no Ribeiro
haiche moi bo viño,
iso non cho sei
que eu son pequeniño.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Aínda vou á escola,
teño que estudar,
para ser boa persoa
o día de mañá.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Pero é que os estudos
sonvos moi pesados,
despois de tres clases
xa estamos cansados.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Primeiro as mates,
para darnos a lata;
logo co Inglés,
metémo-la pata.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Coa Lingua non podo,
o Francés correúdo,
coa Música temo
non gañar un duro.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Co Galego afogo,
Castelán non leo;
vou ver se este ano
aprobo o recreo.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Amigos e amigas,
meus señores todos:
¿Lembran a súa escola?
¿Gardan o recordo?

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Un mestre serio
seguro que había,
que arreaba castañas
a todo o que vía

facendo trasnadas
no medio da clase,
na rúa, na misa
ou en outras partes.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Esta que nós temo
sé moi diferente,
hai “ordeñadores”
sen vaca presente.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Imos de excursión,
comemos de gratis,
e para máis contas
aprender é fácil.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

E nas nosas casas
non hai que traballar.
Deixade ó neno,
que ten que estudar.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Donas e señores,
ben queridos vellos,
estas son as coplas
dos nosos desexos.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Para que os velliños
poidan ben cobrar
os nenos máis novos
temos que estudar.

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Moi traballadores
creceremos todos,
bos e aforradores,
pagando os impostos

Maio, maio,
vístete florido
cantarín
para min.

Aquí rematamos,
hannos de aplaudir,
e se lles gustou
podemos repetir.

 

CREGOS
Maios do Ribeiro 2008
O AFIADOR

Alá na montaña,
alá nunha aldea,
naceu un meniño
nesta nosa terra.

Con ollos azuis
e o pelo castaño
aquel rapaciño
parecía un anxo.

Antes dos dous anos
falaba galego
e tiña tal gracia…
mesmo daba xenio.

Sabíalle o nome
ós paxaros todos:
á rula, á anduriña,
ó merlo, ó pombo.

Pero foi á escola
e o señor maestro
chamoulle burriño
por falar galego.

No se dice cobra,
se dice culebra,
díxolle o maestro
torcéndolle a orella.

Medraba o rapaz
tolo da cachola:
galego na casa,
castelán na escola.

E cando xa iba
polos doce anos,
mandárono os pais
para o seminario.

Alí rematou
o falar galego:
sempre castelán
falou aquel neno.

Por cada palabra,
se era en galego,
caíalle axiña
un castigo arreo.

E cando voltaba
cara a súa aldea,
xa non se lembraba
de dicir bubela.

Cedo era temprano,
padre en vez de pai,
chegou máis alá,
chamarlle madre á nai.

Que lle pasaría
a este noso neto,
que agora non sabe
falar en galego.

E díxolle o neto
que o noso galego
non era apropiado
pra falar do ceo.

E fíxose cura
o noso paisano
e dicía a misa
pero en castellano.

Se a xente da aldea
falaba galego,
o cura tamén,
a ver, que remedio.

Pero ó entrar na igrexa,
non sei que pasaba,
en dame la mano
xa se transformaba.

Sempre en castelán
aqueles sermóns
e o mesmo pasaba
rezos e oracións.

Que culpa terá
o noso galego
para que o desprecien
estes nosos cregos.

Cando a min me leven
para o cemiterio,
se é que rezan algo,
que sexa en galego.

Que Deus é moi listo
e ó meu parecer
se entende latín,
galego tamén.

Leiro
MAIOS DO Ribeiro 2008

 

AS XESTAS


Ai, Rajoy, Rajoy,
que parviño eres.
Ten sentidiño
e deixa ás mulleres.

Deixa á Esperanza:
non é solución.
Pode ser pra ela,
pero pra ti, non.

Fíxaste pouquiño,
que se te fixaras,
xa verías, parvo,
que é unha paxara.

E xoga contigo
coma un paxariño:
ela ríe moito
e ti… pío, pío.

Dicen dos galegos
que saber non podes,
nunhas escaleiras
se baixan ou soben.


Ti dalle ben bicos
que has de ir á Moncloa,
pero presidenta
será esa señora.

Colles de voceira
a unha tal Soraya,
que de tan noviña
parece unha rapaza.

Pero ti, Mariano,
en que estás pensando?
Faino Zapatero,
e ten seu encanto.

Pero ti, filliño,
non es un rapaz.
y la vieja guardia
non vai perdonar.

Eu penso, Rajoy
que a candidata
de aquí a catro anos
éche a Esperanza

Pois mira que a Aguirre
anda todo dios
pensando se di
que si ou que non.

MAIOS DO RIBEIRO2008

 

OS DO POLBO
Maios do Ribeiro 2008


Os do Carballiño
van a ter armada
coa festa do pulpo
por mor da gramática.

Antes todo o mundo
lle dicía pulpo,
e agora os puristas
chámanlle polbo.

Claro que no “polvo”
van moi acertados,
porque “polvo” hai dabondo
nas festas do vrao.

Como hai moita xente
que o “o” non o pecha,
eu diría pulpo
pra falar da festa.

Nada de “polbo”
que veñen da fóra
e logo confunden
unha cousa ca outra.

Se dicimos “polbo”
pódese entender
que do que se trata
non é de comer.

Eu quero un polbo,
dislle á pulpeira,
méteche a cabeza
dentro da caldeira.

E a festa do pulpo
pra toda Galicia
é festa, que eu saiba,
de encher a barriga.

Se despois de cheos
de pulpo e de viño
á xente lle dá
por meterse en líos…

Iso é cousa deles,
que iso dos polbos
é, pra Rosalía,
andar neses lodos.

Así que eu prefiro
que non haxa líos
e que quede claro
que pulpo é máis fino.

Máis fino e máis claro
que eu dende neno
chamáballe pulpo
da cabeza ó rabo.

Así pulpo foi
e pulpo será
daquí para adiante
ata a eternidá.

 

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas