Cabeceira

ASOCIACION ALVARO DAS CASAS

INICIO
Presentación
Historia
Feitos
Bacelos
Maios
Encontros
Curso viño
Curso mocidade
De cine
Fotos
Prensa
Ridimoas
Lingua
Don Alvaro
Frases

 

VIÑOS GALEGOS E DE CALIDADE


Xosé González Martínez*


Antes eran moi poucos os adegueiros que etiquetaban as botellas dos seus viños en lingua galega. De dúas colleitas para acó o número incrementouse. Vánse superando os vellos prexuízos lingüísticos que identificaban o castelán como requisito indispensable para teren presenza nos mercados, internos e foráneos. Están equivocados. ¿Véndese menos, por un acaso, o champán francés ou o whisky escocés por iren etiquetados nas linguas de oríxe? ¡Claro que non! Todo o contrario: que a literatura deses envases estea no seu idioma é unha garantía da denominación de oríxe. E non fai falta que recorramos aos exemplos de produtos fabricados noutras latitudes. Aquí, en Galicia, hai adegas que etiquetan os seus viños en lingua galega e con ela están presentes nos mercados internacionais.

Pero como dicía ó comezo, o número de adegueiros que xa decidiron etiquetar os seus viños na nosa lingua vai en aumento. Máis de cen adegueiros deron o paso convencidos de que o idioma galego é un plus que reforza a marca no mercado global. E iso aconteceu desque a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia lanzase unha campaña dirixida ó sector. O seu libro, PALABRAS DA TERRA. Galeguizar Galicia, recolle as opinións de tódolos empresarios do viño que etiquetan as súas botellas en galego.

“Etiquetar os meus viños en galego é unha responsabilidade coa terra e coa historia”, dínos un colleiteiro. “A competitividade dun país é froito de combinar a consecución dun certo recoñecemento histórico, xunto coa capacidade por ofrecer un produto de calidade. De ai o noso compromiso coa lingua”, sentenzan dous empresarios mozos. Son taxativos tamén os que afirman que “a utilización do galego no etiquetado é un feito lóxico por ser, precisamente, un produto da terra, imaxe da Comunidade autónoma, e ademais, desde un punto de vista da proxección externa serve para aproximar a nosa lingua a outros pobos, tanto dentro como fóra do Estado”. A lingua é, pois, un factor positivo de identificación das empresas.

Os consumidores galegos, afeitos como estamos á presenza dos produtos estranxeiros etiquetados en linguas distintas da nosa, e que gozamos das súas cualidades e sabores sen ningún miramento, non temos creado o clima necesario para demandar dos nosos adegueiros máis utilización do noso idioma na etiquetaxe. Ningunha norma xurídica impide tal práctica; mesmo a denominada Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, aprobada polo Consello de Europa e subscrita polo goberno español, anima ó seu fomento.

Este sábado a Asociación Álvaro das Casas celebrará por enésima vez o acto de entrega dos BACELOS DE PRATA para premiar aos adegueiros que unen á calidade dos seus viños o uso da lingua galega na etiquetaxe. Será no pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), onde o seu dono fundara a UCRA (Unión de Colleiterios do Ribeiro do Avia), que tiña como finalidade animar o cooperatismo vinícola, mellorar a calidade dos viños e normalizar a lingua galega na publicidade e etiquetado. Desta volta os premiados son Evaristo Rodriguez López, co-propietario de Adega Moure, da Ribeira Sacra, e Antonio Cajide Gulín, de Ribadavia, produtores ámbolos dous das marcas “Abadia da Cova” e “Sameirás”, respectivamente.

Tamén eles manifestan as súas razóns para botar man da lingua galega para identificaren os seus viños: “O meu viño é un reflexo de min mesmo, do que eu dou aos demais. É tamén froito do amor á terra e da paixón polas miñas vides de variedades auctóctonas coas que falo nesa lingua milenaria. Non entendería que o meu viño falase doutro xeito”. “Sentímonos orgullosos da nosa oríxe- di Evaristo Rodríguez-, das nosas ribeiras, das nosas castes de uva, do noso microclima, en fin, do que fai singular e único o noso viño. Por iso o etiquetamos no noso idioma: un viño galego orixinal no seu idioma orixinal”.

Cada vez son máis frecuentes as institucións públicas e entidades culturais que agasallan aos seus invitados con viños de calidade e etiquetados en lingua galega. É un xeito de facermos País. Tal foi o que aconteceu na Cea das Letras Galegas convocada días atrás pola Fundación Premios da Crítica Galicia. Xentes da cultura, da empresa, das forzas e corpos de seguridade, da xudicatura…mollaron a palabra cos viños elaborados polas adegas premiadas cos “Bacelos de Prata”.

*Presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia.

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

a@galicias.com

Contador

© Asociación Alvaro das Casas