| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS |
|||||||
Conta Clodio que hai probas de que nos anos vinte do século XX se celebrou en Leiro a festa dos maios. A Asociación Álvaro das Casas está tentando recuperar para esta fermosa vila asentada na beira do Avia a celebración desta festa tradicional.
MAIOS DE LEIRO: ANO 2005
No ano 2005 volveuse a celebrar en Leiro a festa dos maios. Este ano tivo lugar o día 8 de maio. Participaron a Asociación da Coral Val do Avia, que presentaba tres maios (dous de estilo tradicional, un deles en forma piramidal e outro en forma cónica, ámbolos dous moi traballados; e outro maio artístico: unha cruz moi decorada que levou o primeiro premio dos maios artísticos). Esta asociación acadou tamén o primeiro premio en coplas, cos seus versos encol do río Avia. Tamén participou un maio de Ribadavia, de forma piramidal, que estivo a punto de acadar o primeiro premio na categoría de maio tradicional, aínda que finalmente este premio, despois de dous desempates, foi para outro maio, tamén de forma piramidal, presentado pola sociedade deportiva e cultural Arrabaldo e a asociación de veciños San Victorio de Arrabaldo. Os de Santa Cruz de Arrabaldo impresionaron por segundo ano consecutivo, e se no 2004 levaron o primeiro premio na categoría de maio artístico co seu maio que representaba "a matanza do porco", no ano 2005 acadaron o primeiro premio na categoría de maio tradicional cunha pirámide moi grande que tamén impresionou. Tamén participou o maio do CEIP de Leiro, que levou o primeiro premio na categoría de maios de colexios.
Na festa dos maios estivo presente o Presidente da Asociación Álvaro das Casas (Don Avelino Muleiro), o Presidente da Fundación Premios da Crítica (Don Xosé González) ... e sobor de todo participaron moitos veciños de Leiro, que ó saíren da misa de doce se acercaron á praza na que se celebrou a festa, e entre eles o seu Alcalde.
Celso e os rapaces de Leiro cantaron as coplas, acompañados dun guitarrista. O público riu e aplaudiu a rabear.
MAIOS DE LEIRO: ANO 2004
O día 20.04.04 fíxose a presentación dos Maios na Casa da Cultura de Ribadavia. Coa participación de: Clodio, Celso, Pepe, Avelino, Sierra, o alcalde de Leiro e a concelleira de Cultura do concello de Ribadavia. Presentáronse as bases dos maios. Pretendendo que sexa un acto dirixido fundamentalmente ós rapaces dos colexios. Proxectouse un video cun documental sobre os maios.
A celebración da festa dos maios tivo lugar o día 9 de maio de 2004 en Leiro. Parecía que ía chover, pero non, o tempo respectou os primeiros maios de Leiro deste milenio. Incluso saíu un pouco o sol. Participaron cinco maios de Leiro, un de Ribadavia e outro de Santa Cruz de Arrabaldo. A verdade é que había algúns moi fermosos. Tamén había coplas, algunhas das cales foron cantadas con moito estilo polos nenos do colexio de Leiro, que pedían un polideportivo para xogar. Os premiados foron:
-As mellores coplas: OS DA CRUS DE PAU (Val do Avia).
-O mellor maio tradicional: CEIP EMILIA PARDO BAZÁN, DE LEIRO.
-O mellor maio artístico: SOCIEDADE DEPORTIVA E CULTURAL "ARRABALDO", de SANTA CRUZ DE ARRABALDO.
A orixe da festa dos maios
Hai varias teorías para explicar a orixe da festa dos maios. Algúns pensan que naceu no Paleolítico e outros coidan que apareceu no Neolítico, cando apareceu a agricultura.
En calquera caso, o que si parece claro é que nun principio os maios naceron como un ritual para invocar dos deuses a protección dos productos sementados na terra. Trátase dun rito agrario, encamiñado a propiciar boas colleitas, un rito para favorecer a fecundiade da terra por medio da arte (maios), a música e a poesía (coplas). Por iso a festa celébrase na primavera, un tempo no que a terra empeza a desperezarse e a despertar do seu longo sono invernal, un tempo no que a vida empeza a xermolar por todas partes. Celébrase a despedida do inverno, o frolecer das plantas e a chegada dos primeiros froitos.
A dos maios é unha festa pagana, anterior á chegada do cristianismo. Pero como moitas outras foi cristianizada, e por iso moitos dos maios levan na cima unha cruz, e por iso mesmo en moitos sitios a festa dos maios celébrase o día da Santa Cruz (3 de maio).
Nos tempos modernos, os maios volveron a converterse nunha festa "pagana" ou "laica" e romperon tamén o cordón umbilical que tiñan coa agricultura e convertéronse en festas "urbanas", ligadas fundamentalmente a colexios e a grupos e asociacións culturais. Na maior parte dos casos é unha festa organizada polo concello dunha cidade ou vila. E, para motivar a participación, a festa acompáñase ordinariamente dun concurso no que se reparten diferentes premios.
Hoxendía,
os maios constan de dúas partes:
- Por un lado, están os maios propiamente ditos, que son "momumentos"
feitos cunha estructura de madeira, que se reviste con musgo, flores, carrabouxos...
procurando empregar sempre elementos naturais. Poden ser de dous tipos: os que
teñen forma cónica ou piramidal, que son os enxebres ou tradiccionais;
e os maios artísticos, que teñen forma libre (pontes, eirexas,
carros de vacas, cruceiros, muíños, minicentrais... ou calquera
outra forma que non sexa cónica nin piramidal).
- E, por outro lado, están as coplas, que son versos normalmente de seis
sílabas, en estrofas de catro versos cada unha, con rima asonante nos
versos pares. As coplas poden ter contido literario referente á primavera,
pero o máis normal é que teñan un contido satírico
referido a acontecementos recentes. Esta crítica céntrase na maioría
das veces en asuntos locais, moi cercanos á xente do pobo no que os maios
se celebran. É moi habitual aproveitar as coplas para criticar ós
políticos locais lembrándose das súas promesas incumpridas
e pedíndolle determinadas obras ou melloras que o pobo bota en falta,
como pode ser un polideportivo, o arranxo dunha rúa, o adecentamento
dun parque, ou calquera outra cousa. Segundo reza a tradicción as coplas
cántanse o día dos maios e o mellor que pode pasar é que
o público aplauda a rabear e ría con ganas.
Aquí tedes as coplas
do grupo CHEDEIRO que acadaron o primeiro premio nos maios de Ourense no ano
1985. Daquela o autor desta web facía coplas e tiña vinte anos
menos.
COPLAS DOS MAIOS DE 1985
GRUPO CHEDEIRO
Eiquí ven amigos
o Maio de novo
pra darlle palabra
ás cousas do pobo.
A pedra do tempo
da voltas, camiña,
tecendo estructuras
de meses e días:
Muíño sagrado
de terco rotar
que Deus no comezo
botou a chouchar.
Agroman as froles
nos eidos galegos,
despertan os arbres
e cantan os merlos.
Escóitase a vida
que roxe con forza
na ialma da terra,
no sangue das mozas:
Apálpase a doce
caricia de seda
que a todos regala
o sol que nos quenta.
Apálpase fora
e síntese dentro,
¡ouh noble susurro,
sublime arrecendo,
perfume de froles,
pregón da gran festa,
canción que nos fala
da Mai Primavera!
¡Ouh cosmos amigo,
poema de beixos
verdade que chega
vestida de versos!
Corozas, pelicos,
capotes e chancos
están sen empleo
nos vellos faiados;
chaquetas de pana,
camisas de liño. . .
bureles, estopas. . .
¡ xa cobran subsidio!
A morte do inverno
está sentenciada:
fuxiron as neves,
morreu a xeada,
pararon as choivas
-¡xa tempo lles era!
pois fartas de auga
estaban as terras-,
borráronse as néboas,
o ceo está claro...
¡axota a perguiza,
despértate Maio!,
estende as orellas,
escoita os falares
de vellos e vellas
en feiras e bares:
--"España "progresa"
da mau socialista:
¡ de falsas promesas
a certas mentiras!
O Cambio soñado
quedou nos carteles
e todos seguimos
tan mal como sempre".
--"Non digas parvadas.
¿Non ves como neva?
¿Non ves como chove
con moita canseira?
¿Non ves ¡cómo xea!
nas noites de inverno?
¡¿Non notas acaso
o cambio do tempo?!"
--"Pisón socialista
¡qué cambio nos trouxo!
xeadas e neves
¡e choivas dabondo!"
-"Non che quepa duda
de que hai outros cambios:
subiron o xorne
dos parlamentarios,
e moitos colegas
toparon traballo
facendo os estudios
do aumento do paro".
--"Xa vexo que o Cambio
foi moi importante:
¡de desgobernados
a desgobernantes!".
--"Tamén hai mudanzas
no vello P C:
en tempos foi medio
e agora son tres"
--"E o cambio mala grande
-tercióu outro vello
ten gran trascendencia
e alcance europeo:
a NATO era mala
con Calvo Sotelo
e ¡fíxose santa
con este goberno!"
--"Pois nos non mudamos
-falóu un labrego-:
nas maus temos callos
no vrau e no inverno,
aramos as leiras,
coidamos o gando,
¡e van as ganancias
prós intermediarios!
Xa somos Europa,
¡qué barbaridá!:
xa os cochos non queren
as berzas sen sal,
os lobos non comen
a carne sen pan
e os peixes non beben
a auga do mar;
as vacas remoen
pasteles e flan
e din que non volven
durmir no curral,
as pitas non cantan
o cacaracá
e os gatos miañan
a internacional;
as novas ovellas
-¡qué modernidá!
repintan os ollos
e peinan a la,
e as cabras do monte
¡qué limpas que van
lavadas con auga
da Comunidá!;
as merlas encargan
no seu consulado
as plumas francesas
de tonos mais claros,
os gatos non queren
comer ratos vellos
¡e istes rechazan
o queixo refeito!"
E dixo a tía Flores:
--"De vicio te queixas.
Na vila de Ourense
non temos problema:
os roubos funcionan,
van ben os atracos
e a droga non falta
no noso mercado;
os buses urbanos
merecen aplauso
pois ¡sempre se poden
coller con retraso!
¡e os prezos que cobran...!
¿quén pode pagar?
¡ só falta que os suban
pra a rematar!
e teño entendido
-¡non é pra creer!-
que van a por metro
pros que andan a pé:
un metro de rúa
sen pavimentar
pra que os limpabotas
se poidan forrar.
Da ¡Xunta! ¿Galega?
mellor non falar:
os burros o xugo,
non saben levar.
Tampouco lles penso
dicir nin esgazo
da caixa dos tontos
que todos pagamos
(¿ a quén se lle ocurre!
facela tan mala?
¡Qué cousa mais porca,
sen gusto e sen gracia!)
Con todo hai dúas cousas
que quero gabar:
as prazas de pedra,
gavachas, sen par,
e as chispas enxebres
-¡ouh lume de pobo!
que pra nosa prensa
nos fai CARRABOUXO"
Caláronse todos
e o Maio falou:
--"Alédome moito
no meu corazón
de ver que gardades
o vello tesouro
de rirvos incruso
na boca do lobo.
En pido que naide
con vos se moleste
por estas verdades
que a min me dixestes,
que todos xunguidos
ergamos Galicia,
que naide se arrede,
¡afora, a perguiza!,
¡levemos ben alta
a nosa bandeira:
¡amor e xustiza
prá xente e pra terra!
Irmaus no camiño,
mulleres e homes,
por vos eu no lume
abrázome á morte,
que o sangue queimado
froleza e reviva!
¡que a nova Irmandade
xermole na cinsa!!!"
(Ourense, maios de 1985)
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador