| ASOCIACION ALVARO DAS CASAS | |||||||
EXPEDICIÓN ULTREIA 2006
A Asociación Álvaro das Casas tivo a idea de organizar unha expedición en barco para que os rapaces galegos (especialmente os do interior de Galicia) coñezan a nosa costa vista dende o mar e así aprendan a quererlle a esta nosa fermosa Terra. Deste xeito rememórase a expedición que fai máis de setenta anos levaran a cabo os mozos dos grupos ULTREIA, capitaneados por DON ALVARO DE LAS CASAS.
A idea da Asociación Álvaro das Casas tivo boa acollida na Consellería de Medio Ambiente e levousa á práctica coa colaboración desa Consellería, que levou o peso da organización, e máis da Caixagalicia, que aportou parte da financiación.
O día 30 de xuño saíron en autobús un grupo de nenos de CERVANTES e de BECERREÁ, con destino a Muros, onde durmiron, para logo ó día seguinte montar no barco ás once da mañán, con destino a Ribeira, onde chegaron pola tardiña, sendo recibidos alí polo Concello e celebrándose un acto na casa do Concello. Ó rematar o acto voltaron de novo en autobús para as súas casas.O día 1 de xullo saíron en autobús de FOLGOSO DO COUREL e de PEDRAFITA DO CEBREIRO un grupo de nenos, que durmiron en Ribeira, e colleron o barco o día 2 de xullo ás 9 da mañán para viaxar ata VILAGARCÍA DE AROUSA, onde foron recibidos no Porto polo Sr. Alcalde e varios concelleiros (o de Cultura, a de Xuventude...), tendo lugar a continuación un acto solemne na fermosa Casa Consistorial. Logo ofrecéronlle uns aperitivos. E ó rematar colleron o autobús para voltar ós seus lugares de procedencia.
E así continuou o periplo durante cinco días. O tres de xullo tocoulle ós rapaces de Pobra de Trives, que fixeron a travesía dende VILAGARCÍA DE AROUSA ata O GROVE.
O catro de xullo o turno foi para os rapaces de tocoulle ós rapaces de Viana do Bolo e de Marín, que fixeron a travesía dende O GROVE a MARÍN.
E o cinco de xullo foron os rapaces de BANDE os que fixeron o periplo dende MARÍN a VIGO.
En todo momento houbo xente da Asociación Alvaro das Casas colaborando na realización desta fermosa actividade da expedición ULTREIA 2006.
A expedición dos Ultreia 2006 acercándose ó porto de Vilagarcía de Arousa. Unha idea fermosa e romántica que se materializou. O amor a Galicia pode mover montañas, consellerías, caixas de aforros ... ¡e barcos!. ¡¡¡Ultreia!!!
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
Benvid@, estás na túa casa
Contador